RECURSO DO TERRITORIO · BRES · TARAMUNDI

Casa da Auga de Bres

Unha antiga escola indiana convertida en museo da auga, refuxio cultural e lugar para facer unha pausa: descubre as súas historias, escolle un libro e goza das vistas cun café por conta da casa.

AUGA · CULTURA · PAISAXE

Un museo para descubrir a auga no mundo.

O espazo museístico permite explorar os usos da auga e da enerxía hidráulica ao longo da historia, desde Taramundi ata distintas culturas do mundo. Paneis, maquetas e recreacións amosan como a auga serviu para o consumo, a rega e mesmo para medir o tempo.

A Casa da Auga conecta este coñecemento co patrimonio local e coa memoria dun edificio que foi moito máis ca unha escola: un proxecto colectivo impulsado pola emigración de Bres.

Consulta en Instagram os obradoiros e actividades para toda a familia ↗
MEMORIA DO EDIFICIO

A escola Hispano-Arxentina de Bres

Antes de converterse en museo, a Casa da Auga foi unha escola rural. Inaugurouse en 1930 grazas ao esforzo das persoas emigrantes de Bres asentadas na Arxentina.

Fotografía histórica principal da escola de Bres
Imaxe histórica da escola de Bres
Imaxe histórica da escola de Bres, fotografía máis antiga

A construción foi financiada pola Sociedade de Fillos de Taramundi «El Porvenir Asturiano», tamén coñecida como Centro Taramundense de Instrucción y Progreso, fundada na Arxentina en 1911. A recadación roldou as 160.000 pesetas: o edificio custou unhas 40.000 e o resto permitiu dotalo de mobiliario e material escolar e contribuír ao seu mantemento.

As aulas estaban na planta baixa e as vivendas no piso superior. Tamén había unha habitación independente para aloxar membros da Sociedade que precisasen pasar unha tempada na vila. A escola permaneceu activa ata a década de 1990.

Entre os seus elementos máis singulares destacan a cornixa mixta, a torre do reloxo —adquirido a unha prestixiosa firma de Vitoria— e as placas de ferro esmaltado con rótulos e consellos que aínda se conservan. Na praza do Mestre Manuel Lombardero Arruñada, un busto lembra desde 1951 o mestre que formou xeracións de taramundeses.

LECTURA · NATUREZA · TERRITORIO

Unha libraría para levar novas historias.

A Casa da Auga tamén convida a deterse e curiosear nunha libraría especializada en temática ambiental, natureza e patrimonio. Escolle un libro, goza dun café por conta da casa e tómate un tempo para contemplar a paisaxe de Bres.

Un espazo tranquilo para combinar a visita ao museo coa lectura, a conversa e o descubrimento da contorna.

Ver actividades en Instagram ↗
Libros na libraría da Casa da Auga
Selección de libros de temática ambiental
Recuncho de lectura na Casa da Auga
EXPOSICIÓNS TEMPORAIS

Próxima exposición:

Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia

Máis información sobre a exposición ↗
PLANIFICA A TÚA VISITA

Prezos do museo

A visita libre non precisa reserva. As visitas guiadas realízanse unicamente para grupos concertados.

VISITA LIBRE

Sen reserva

Adultos · maiores de 12 anos3 €

Infantil · de 3 a 12 anos2 €

VISITA GUIADA

Grupos concertados

Adultos · maiores de 12 anos6 €

Infantil · de 3 a 12 anos3 €

PATRIMONIO VIVO

Un edificio con pasado e futuro.

Xesteco asumiu a reapertura deste equipamento municipal para poñer en valor a arquitectura indiana de Taramundi —da que a Casa da Auga é un dos seus máximos expoñentes— e divulgar a súa historia como escola rural, en colaboración coa veciñanza.