XESTECO · EQUIPO

Persoas con experiencia, perfís distintos e unha mesma forma de entender o territorio.

O equipo de Xesteco está formado por un cadro de persoal multidisciplinar, o que nos permite abordar proxectos territoriais de maneira integral desde a nosa sede na Pontenova (Lugo). O cadro de persoal refórzase co persoal fixo, continuo e discontinuo, dedicado á xestión dos recursos do territorio nas diferentes épocas do ano.

Celtia Traviesas Méndez
XERENTE

Celtia Traviesas Méndez

Conta con case 20 anos de experiencia multidisciplinar na empresa privada, na Administración pública e en medios de comunicación como La Vanguardia ou La Voz de Galicia. Traballou como asesora parlamentaria europea nas comisións de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria, así como na de Agricultura e Desenvolvemento Rural. É enxeñeira técnica agrícola e conta cun máster universitario en Xestión Sostible da Terra e do Territorio pola Universidade de Santiago de Compostela e cun máster en Xornalismo pola Universidade de Barcelona e a Columbia University de Nova York.

Pero, ademais, é bisneta dun mineiro da Pontenova e sempre quixo regresar ao seu lugar de orixe.

Antonio Varela Sánchez
RESPONSABLE DA ÁREA TÉCNICA

Antonio Varela Sánchez

É enxeñeiro técnico de Obras Públicas e técnico superior en proxectos de Enxeñaría Civil. Ademais, ten formación en albanelaría e en instalacións eléctricas de alta e media tensión, e é inspector acreditado.

Incorporouse á empresa en 2021 e é socio desde 2025.

O seu perfil multidisciplinar e autodidacta, xunto cos seus sólidos coñecementos das actividades e habilidades propias do mundo rural, foron fundamentais para desenvolver e consolidar todas as áreas da empresa desde os seus inicios.

Julio Quintas Rey
XESTIÓN PATRIMONIAL E TURISMO SOSTIBLE

Julio Quintas Rey

É psicólogo sanitario e guía de media montaña, e conta con máis de 30 anos de experiencia na atención ao público e na formación de equipos.

Encárgase da xestión dos recursos territoriais, deseña as experiencias e coordina o equipo de monitores da “Tirolina das Minas”, así como o persoal do Museo da Cuchillería de Taramundi e da Casa del Agua de Bres. Ao mesmo tempo, continúa exercendo como psicólogo no medio rural.

Paula López Enríquez
DIRECTORA FINANCEIRA

Paula López Enríquez

É licenciada en Economía e en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Oviedo e conta con máis de 15 anos de experiencia profesional. O seu traballo conecta a planificación económica coa xestión administrativa e contable, cunha visión integral que permite transformar as oportunidades de financiamento en proxectos viables e executables.

O seu papel é clave para anticipar as necesidades económicas, planificar os procedementos administrativos e de contratación e prever desde o inicio os requisitos de xustificación de cada proxecto.

Jorge Macía González

É graduado en Historia e traballa como guía no Complexo Histórico e Recreativo das Minas Consuelo e Boulloso, na Pontenova (Tirolina das Minas).

Claudia Pardo Portos

É educadora ambiental e guía na Casa del Agua e no Museo da Cuchillería de Taramundi.

UN EQUIPO MÁIS AMPLO

Especialidades diferentes, unha mesma visión.

Ademais do equipo estable, contamos con persoal temporal que se incorpora nos períodos de maior actividade para atender os recursos do territorio que xestionamos. Organizamos e coordinamos equipos adaptados ás necesidades de cada tempada, chegando a reunir ata 14 persoas nos momentos de maior demanda para ofrecer un servizo áxil, coordinado e de calidade.